O esteiro do Miño

A Roncadeira ten como augas de navegación o esteiro do Miño, perto da roca de onde toma o seu nome, alcanzable na súa totalidade dende o punto de varada das docas da Pasaxe.

esteiro

Impresionante riqueza paisaxística e natural

O esteiro do Miño constitúe unha zona de gran importancia e atractivo natural que poderá estar ó alcance dos/as usuarios/as da embarcación.

Como LIC, lugar de interese comunitario da Rede Natura 2000, o Baixo Miño é un extenso tramo da parte baixa do río Miño, duns 76 km de lonxitude, que discorre sen encorar ao longo do bordo meridional das comarcas do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta, entre a presa de Frieira e a súa desembocadura, nas inmediacións da Guarda. Tamén inclúe parte dos cursos de tres pequenos tributarios, o rego de Ribadil e os ríos Deva e Termes, en terras das Neves, Arbo e Crecente, así como, augas abaixo, as desembocaduras dos ríos Tea, Caselas, Louro, Furnia, Cereixo e Tamuxe. O seu rango altitudinal é de 0-50 m sobre o nivel do mar. Trátase dun espazo transfronteirizo, compartido con Portugal, no que se desenvolven accións coordinadas polo Grupo de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

camposancos

Camposancos

 

tamuxe

Desembocadura do Tamuxe

 

tamuxe

Desembocadura do Tamuxe

 

eiras

Eiras

 

goian

Vilanova da Cerveira, vista dende Goián

 

cerveira

Vilanova da Cerveira e a ponte de Goián

 

lanhelas

Lanhelas

 

seixas

Seixas

 

caminha

Caminha

 

Natureza

Ademais de pertencer á Rede Natura 2000 (LIC) está incluído desde 1965 na “Lista de zonas de húmidas de Europa e Norte de África de importancia internacional". Así mesmo está recoñecido como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), e foi declarado como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN).

plantas do esteiro

plantas do esteiro

 

aves do esteiro

 

Climatoloxía

A climatoloxía xeral da zona pódese considerar benigna e a posibilidade de practicar deportes ó ar libre durante todo o ano é clara.

A condición de costa aberta que presenta A Guarda fai que as condicións de mar debido ao mar de fondo que chega sen barreira algunha a través do Atlántico, sexan con frecuencia moi duras.

met na Guarda

De tódolos xeitos, se pensamos na navegación no propio esteiro, podemos observar que a anchura deste non chega a permitir a formación de grandes ondas e que a intensidade histórica de ventos fai posible a navegación durante todo o ano exceptuando moi contadas ocasións.

Na seguinte estatística do ano 2012 móstrase que na Guarda, en todo o ano soamente se superou unha vez a barreira dos 50 Km/h, que corresponde a forza 7 Beaufort.

vento na Guarda

 

Características da navegación


O atractivo da zona de navegación é indubidable, pois o río é navegable nunha longa extensión para unha embarcación de pequeno calado e tamén é posible a saída a mar aberto, pero existen determinadas condicións que deben terse en conta.

En primeiro lugar as correntes, ao atoparnos nun sistema de esteiro, a influencia das correntes de marea son moi marcadas e deben terse en conta de xeito moi cuidadoso. Navegar con corrente require de algunhas técnicas especiais nas que ir tomando referencias contínuas da propia posición e do rumbo real da embarcación é fundamental. Diferenciase bastante da navegación habitual en mar e coñecer as correntes, a súa forza, e incluso o xeito máis seguro de pasar as barras formadas polo río na súa chegada ó mar son un auténtico reto e un atractivo en si mesmo, pero que deberá ser abordado con toda a seriedade e a colaboración de expertos navegantes coñecedores da zona.

Por outra parte, ó ser unha zona moi protexida sen apenas ola, as posibilidades e o atractivo da navegación tranquila tamén ten que ser valorado para navegantes que buscan outras experiencias máis relaxantes.

Tamén, os bancos de area, sobre todo con marea baixa, deben ser tidos en conta, e aparte do seu coñecemento, é moi recomendable contar cunha embarcación na que podamos reducir o calado dun xeito radical. Neste senso, unha embarcación de fondo plano como a Roncadeira é ideal cos seus timóns e orzas relevables que permiten baixar o calado ata o mínimo do casco da embarcación.

A capacidade da gamela e a zona de navegación préstase tamén de xeito moi adecuado para o camping costeiro, debido ás atractivas ribeiras e illas que se atopan ao alcance e incluso cara a observación de aves.

O feito de que se trate dunha embarcación tradicional da zona e que forme parte xa da paisaxe desta dende tempo inmemorial é tamén outro atractivo a engadir en favor da idoneidade de uso de esta embarcación e a posibilidade de que pasando o tempo se mire acompañada por outras similares, preparadas ou non para a vela adaptada..